Actividades online, noticias, encuestas, informes, juegos, artículos, cuestionarios y los mejores enlaces seleccionados por los Museos Científicos Coruñeses (=mc2).
O pasado día 5 de abril o Consello de Seguridade Nuclear (CSN) informou dunha fuga radioactiva acontecida en novembro de 2007 na central nuclear de Ascó I, en Tarragona.
¿Cres que debería pecharse a central nuclear de Ascó?
A radiación é a propagación de enerxía en forma de ondas electromagnéticas ou partículas. A finais do século XIX, Henri Becquerel descubriu que algúns corpos, como o uranio, emitían radiacións espontaneamente. A este fenómeno coñéceselle como radiactividade natural. Co paso do tempo descubriuse que estas emisións eran o resultado da desintegración de átomos inestables, cuxos núcleos se dividen liberando enerxía.
¿Foi grave o acontecido en Ascó?
O Consello de Seguridade Nuclear clasificou o suceso acontecido en Ascó no nivel 2 da escala INES (Escala Internacional de Incidencias). O nivel 2 indícanos que o sucedido foi realmente un incidente e non un accidente.
¿Como nos afecta a radiación?
Na medida en que a radioactividade é un fenómeno natural, todos os seres vivos estamos expostos a unha certa dose de radiación, xa sexa procedente do espazo, dos alimentos que inxerimos ou dos materiais que forman o chan. En Galicia, por exemplo, a acumulación de radón, un gas radioactivo procedente da desintegración do uranio, constitúe un problema nos sotos sen ventilación.
Chámase envelenamiento por radiación á exposición a altas doses de radiación ionizante. Os síntomas do envelenamento por radiación son múltiples: desde queimaduras na pel, perda de pelo, desmaios, vómitos, fatiga, etc. ata alteracións xenéticas, o cancro ou a morte.
É importante diferenciar a radiación ionizante da radiación non ionizante. Esta última é a emitida polas antenas de telefonía móbil, os fornos microondas… Podes ler algo máis sobre este tipo de radiacións na monografía da casa das ciencias Antenas e saúde.
Existe un intenso debate respecto á enerxía nuclear con moitos partidarios e moitos detractores.
É moi difícil decidir se a enerxía nuclear é boa ou é mala. Como ocorre con todas as cousas, ten vantaxes e inconvenientes.
Accidentes nucleares
O accidente nuclear máis grave da historia sucedeu o 26 de abril de 1986 na central nuclear de Chernóbil, en Ucrania. Este é o único accidente que se clasificou no nivel 7 da escala INES. Podes explorar unha animación flash sobre Chernóbil.
O segundo accidente nuclear máis grave da historia foi o ocorrido en 1979 na central de Three Mile Island, en Estados Unidos.
A bomba atómica
A bomba atómica é a arma de destrución masiva máis terrible xamais creada e a peor consecuencia de era nuclear. A súa explosión produce unha característica nube con forma de fungo. As dúas únicas bombas atómicas lanzadas con fins bélicos foron as que caeron sobre Hiroshima y Nagasaki ao final da Segunda Guerra Mundial, en 1945.
Así estoupa una bomba atómica:
As probas nucleares
Unha proba nuclear é a detonación experimental dunha bomba nuclear para determinar, por exemplo, a súa potencia destrutiva ou o seu rendemento. Existen varios tipos de probas nucleares dependendo do lugar no que sexan detonadas: atmosféricas, estratosféricas, subterráneas e submarinas.
CONTROLA, simulador de control eléctrico: Con este xogo de Rede Eléctrica de España (REE) poderaste converter nun operador do Centro de Control do Sistema Eléctrico Español.
Para protexer o noso planeta, e conseguir un sistema enerxético sostible, todos debemos aprender a aforrar enerxía. Agora podes facelo con este xogo.
Aplicacións en medicina
Existe unha especialidade médica que se chama medicina nuclear.
Outra rama da medicina que se beneficia das radiacións ionizantes é a Oncoloxía radioterápica, unha especialidade que utiliza raios X, raios gamma, electróns ou protóns para eliminar células cancerosas. Este tratamento do cancro coñécese como radioterapia.
A “febre” del radio
¿Sabías que a principios do século XX utilizábanse elementos químicos radioactivos como o radio para fabricar remedios curativos? Un dos máis estendidos foi o Radithor, un remedio con auga radioactiva. Pero tamén se vendía pasta dental, cremas e ata supositorios con radio! Ademais de todos estes medicamentos radioactivos, tamén eran frecuentes os reloxos con agullas ou números impregnados con pintura de radio que, naturalmente, brillaban na escuridade. Moitos destes pintores de reloxos traballaron na United States Radium Corporation, unha fábrica do condado de Orange, en Estados Unidos e caeron enfermos debido á continua exposición á radiación.
De viaxe
O Atomium, situado en Bruxelas, erixiuse como a casa de Bélxica na Exposición Mundial de 1958. Representa unha molécula de cristal de ferro ampliada 165 mil millóns de veces. O monumento construíuse deste xeito para honrar á enerxía nuclear e á industria metalúrxica belga.
Nos cómics
Moitos dos nosos superheroes ou personaxes de cómic favoritos foron alcanzados por radiacións que lles proporcionaron os seus superpoderes. Por exemplo, Os Catro Fantásticos, O incrible Hulk ou Godzilla.
Na TV
Todos coñecemos a Central Nuclear de Springfield, onde traballa Homer Simpson. Matt Groening inspirouse nunha central nuclear real para debuxala. É a central nuclear Trojan, en Oregon, Estados Unidos. En 1993 iniciáronse os labores de desmantelamento da central, e foi totalmente demolida en 2006.
No cine
A película “Cando o vento sopra” (When the wind blows), estreada en 1986, o mesmo ano do terrible accidente de Chernóbil, é un manifesto en contra das bombas atómicas e da guerra nuclear.
“A síndrome de China” (The China Syndrome) cóntanos a historia dun terrible accidente que podería ocorrer nunha central nuclear. Curiosamente estreouse en 1978, pouco antes do accidente de Three Mile Island. Esta noticia de La Voz de Galicia, fai referencia á película.
Na Rede
¿Sabes onde está a central nuclear de Ascó? Se queres, podes sobrevoala e ver como é utilizando Google Earth. Teclea “Central nuclear de Ascó” en Google Earth e o programa levarate ata moi preto: rastrexa un pouco o mapa e atoparala. Se non tes instalado Google Earth, podes descargalo gratuitamente. Se prefires, tamén podes usar a ferramenta online Google Maps.
Investiga como funciona por dentro unha central nuclear. En Internet hai moitos sitios onde podes aprender moito sobre as centrais nucleares. Podes comezar por aquí.